Carballo despídese esta fin de semana do seu FIOT máis especial

1 minutes read
  • As últimas entradas para os espectáculos poñeranse á venda hoxe, a partir das 10:00 horas, en Ataquilla.com

O FIOT en pausa pechará a súa programación máis especial ata o de agora por todo o alto. Durante esta fin de semana, actrices destacadas como Carmen Machi, María Vázquez, Nathalie Poza ou Carolina Yuste pisarán as táboas do Pazo da Cultura para dar a coñecer algunhas das propostas máis interesantes do panorama escénico galego e estatal do momento. As últimas entradas dispoñibles para os espectáculos poñeranse á venda hoxe, xoves 15, a partir das 10.00 horas na plataforma web Ataquilla.com.

Os pratos fortes desta fin de semana serán a estrea de A xente 2.0, de María Vázquez e Víctor Duplá, unha reflexión grupal na que se poñerá en cuestión o concepto da participación social; Liberto, a peza dirixida por Tamara Canosa que acadou o maior número de candidaturas na última edición dos Premios María Casares; e Prostitución, dirixida polo Premio Nacional de Teatro 2019 e gañador de 4 premios MAX, Andrés Lima, e que conta no seu reparto con Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste.

Ademais, o FIOT en pausa amplía o número de funcións da ficción sonora A lúa, válvula de spray, que contará con catro pases esta fin de semana.