- A modificación orzamentaria será aprobada o vindeiro martes 24 nun pleno extraordinario
A posibilidade de que os concellos dispoñan do remanente de tesourería para gastos xerais, grazas á suspensión das regras fiscais para o período 2020-21 por parte do Goberno do Estado, permitirá ao Concello de Carballo realizar un primeiro investimento de 3.411.416,10 euros en obras e servizos. A modificación orzamentaria que o fará posible será aprobada o vindeiro martes 24 nun pleno extraordinario.
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, deron a coñecer este venres a relación de actuacións previstas, que deben estar rematadas a 31 de decembro do ano 2021. Para cumprir ese prazo é importante aprobar a modificación canto antes para poder iniciar os expedientes de contratación de maneira inmediata.
Todos os proxectos previstos xa están listos ao tratarse de necesidades xa detectadas. Con este novo escenario poderán atenderse boa parte delas e quedarán liberados outros recursos como o POS+, que suporá 1,7 millóns, ou os propios fondos municipais para outras actuacións.
O Concello de Carballo ten nestes momentos un remanente de tesourería para gastos xerais de 9.336.000 euros e, tal como sinalaron na rolda de prensa o alcalde e a concelleira, non se inviste máis por “prudencia”, xa que de cara aos vindeiros exercicios prevese un recorte dos recursos municipais como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19. Ademais, o concello ten outras obrigas, como o pago a proveedores ou o anticipo do gasto nos proxectos con financiamento europeo como “Cicl-Ando Carballo”, que acada os 2 millóns de euros, ou “Carballo Sostible”.
Deste xeito, o Concello de Carballo dispón dun “colchón” que permite evitar tensións de tesourería e do que, en función da evolución da situación, pode ir botando man para cubrir as necesidades que vaian xurdindo nos vindeiros meses.
Entre os proxectos expostos na rolda de prensa destacan a 1ª fase da ampliación do cemiterio municipal por 699.520,70 euros; a 1ª fase da reforma do Pazo da Cultura por 428.600,63; a reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos por 294.631,77 euros ou a rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa, por 368.311,59 euros.