Carballo destina outros 3 millóns de euros do remanente a novos investimentos

A corporación municipal aprobou na sesión ordinaria de maio unha modificación orzamentaria por importe de 3.133.956,31 euros, procedentes do remanente líquido de tesourería para gastos xerais, que se destinarán a financiar novos investimentos. A proposta do goberno do BNG, que saíu adiante coas abstencións dos grupos da oposición, inclúe as seguintes actuacións:

  • Acondicionamento de aparcadoiros: 129.161,73 euros
  • Campaña de difusión e sensibilización da compostaxe na zona rural: 17.242,50 euros
  • Maquinaria e utillaxe para o cemiterio: 3.000 euros
  • Novo parque canino: 24.200 euros
  • Centro social en Xoane (Goiáns): 354.958,20 euros
  • Nova musealización do Museo de Bergantiños: 145.069,93 euros
  • Reurbanización da rúa Estrela: 145.733,60 euros
  • Reurbanización da rúa Lugo: 39.837,90 euros
  • Reurbanización da rúa Chile: 64.246,20 euros
  • Plan de mellora dos asfaltados na zona urbana: 233.354,83 euros
  • Plan de mantemento da rede viaria na zona rural: 506.904,54 euros
  • Investimento en terreos: 300.000 euros
  • Mellora da rede de abastecemento da rúa Vázquez de Parga: 42.719,04 euros
  • Mellora das infraestruturas en Razo-Baldaio (pasarelas de madeira): 175.000 euros
  • Melloras no CEIP Gándara-Sofán: 216.286,66 euros
  • Melloras nos centros de ensino CEIP Fogar e escola de Queo: 45.700 euros
  • Mellora do auditorio do Pazo da Cultura: 633.556 euros
  • Renovación da cuberta do graderío do campo de fútbol As Eiroas: 56.985,18 euros

Terra Galega presentou dúas mocións que foron rexeitadas, unha na que solicitaba a substitución dos bolardos por cámaras de vídeo-vixilancia e outra na que pedía que se refixesen varias rotondas. O BNG votou en contra de ámbalas dúas e o PSOE abstívose. O concelleiro de Mobilidade explicou con respecto á primeira, que o obxectivo dos bolardos é impedir o paso de vehículos para garantir a seguridade peonil, o que non se conseguiría coas cámaras, e sobre a segunda dixo que as rotondas deben adaptarse ao espazo no que se sitúan, que está demostrado que garanten a fluidez do tráfico e que en todo caso son rebasables precisamente por iso.

Tamén o BNG presentou unha moción, neste caso relacionada co sector eólico, que foi aprobada malia os votos en contra de PP e TeGa. O PSOE abstívose, despois de presentar unha proposta de modificación que foi rexeitada. O Concello de Carballo insta á Xunta a desenvolver e aprobar un novo marco que regule o sector eólico para incrementar as garantías sociais, económicas e medioambientais, así como un novo plan sectorial eólico; dar rango de lei ao impulso de plans de desenvolvemento industrial asociados ás novas instalacións, impulsar medidas para garantir a socialización dos proxectos e incrementar a vixilancia medioambiental, principalmente.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa presentou cuestións relacionadas cos proxectos de urbanismo táctico e o polígono industrial de Bértoa, entre outras.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha