- Ademais do aprazamento de todos os impostos, entre as medidas xa adoptadas figura a supresión da taxa pola ocupación do solo público con terrazas de hostalaría durante todo este ano
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, está a manter nas últimas semanas contactos periódicos cos distintos sectores económicos locais coa intención de elaborar un plan de axuda ás pymes o máis amplo e consensuado posible.
Unha das primeiras medidas adoptadas polo Concello de Carballo, xa en marzo, foi a paralización do cobro de todos os impostos e taxas, unha decisión consensuada no seu momento co sector empresarial que vén de ampliarse agora coa supresión da taxa pola ocupación do solo público con terrazas de hostalaría para todo o ano 2020.
O Concello conta xa cun borrador do plan de axuda ás pymes, que se concretará en función das decisións que adopten tanto o Goberno do Estado coma a Xunta de Galicia. O goberno municipal quere que o investimento na reactivación da economía local sexa o máis importante deste ano, e por iso está a traballar na reestruturación dos orzamentos municipais e segue a reivindicar do Goberno do Estado a posibilidade de dispoñer polo menos dunha parte do remanente, que neste caso supera os 12 millóns de euros. De calquera xeito, o Concello de Carballo disporá, como mínimo, de 1 millón de euros para un plan que implica a distintas áreas municipais e que repercutirá en diferentes sectores económicos e sociais.