- Na sesión deste luns foron aprobadas 13 licenzas urbanísticas e facturas por 23.367 euros
O Concello de Carballo investirá en breve os 1,3 millóns de euros de superávit resultante da liquidación do orzamento do ano 2018. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o inicio dos expedientes de contratación relativos aos seis proxectos de obras que se levarán a cabo, todos eles enfocados á mellora dos servizos na zona rural segundo as peticións recollidas nos consellos parroquiais.
Entre as actuacións previstas atópanse a mellora da capa de rodadura da vía de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña) con aglomerado, na que se investirán 245.748,87 euros; e tamén se levará a cabo a mesma obra de Paradela a Prearada (Sofán) por 232.369,84 euros. En Rus, Artes e Oza melloraranse os pavimentos por 315.474,89 euros; mentres que se adicarán 323.203,69 euros á rede de abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) e 199.884,67 euros para a mesma actuación na parroquia de Artes, concretamente nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o pago de facturas por importe de 23.367,30 euros e un total de 13 licenzas urbanísticas, seis delas para construción ou ampliación de vivendas unifamiliares.
Tamén se deu conta do resumo de ingresos da recadación municipal correspondentes ao trimestre xullo-setembro, que acada os 198.055,35 euros de caixa municipal e os 95.280,31 da recadación municipal.