Carballo destinará 633.000 euros de remanente ao acondicionamento do Pazo da Cultura

1 minutes read
  • O goberno local tamén completará a rede municipal de centros sociais cunha gran inversión no de Xoane

Carballo celebrará este luns un pleno ordinario no que, entre outros temas, se abordará unha modificación orzamentaria que ascende a 3,1 millóns de euros, e que se financiará co remanente de tesourería para gastos xerais. Dese total, 2,4 correspóndense cun suplemento de crédito que se destinará a varias obras de mellora no auditorio do Pazo da Cultura (633.556 euros), no CEIP Gándara-Sofán (216.286 euros) e tamén no CEIP Fogar e na unitaria de Queo. A estas últimas actuacións destinaranse un total de 45.700 euros. Desde o goberno local tamén se agarda renovar a cuberta das gradas do campo de fútbol “As Eiroas”, que contará cun investimento de 56.985 euros.

Dentro do suplemento de crédito tamén se atopa o plan mantemento viario no rural, que ascende a 506.904 euros; así como a reurbanización das rúas Estrela, Lugo e Chile por case 250.000 euros. Na rúa Vázquez de Parga contémplase a mellora do abastecemento de auga por 42.719 euros, nun tramo que coincide co carril bici do proxecto Cicl-Ando Carballo. O grupo de goberno tamén destinará arredor de 300.000 euros para adquirir terreos.

Co crédito extra, que se corresponde con algo máis de 673.000 euros, no pleno tamén se abordarán diversas melloras. A maior partida, 354.958 euros, irá destinada ao centro social de Xoane, completando así a rede municipal deste tipo de locais. O acondicionamento do Museo Bergantiños será outra das grandes inversións, con 145.000 euros.