Carballo destinará máis de 420.000 € do remanente para gastos derivados da Covid-19


  • A corporación municipal aprobou un total de 423.500 euros, dos que 115.000 euros irán destinados a axudas sociais

O Concello de Carballo aprobou, no pleno deste luns, que se destine unha partida dos remanentes municipais para sufragar os gastos derivados da Covid-19 ata finais deste ano. O importe estimado para os próximos tres meses é de 423.500 euros, que permitirán seguir apoiando ás persoas que, pola súa situación económica, precisan algún tipo de axuda ou recurso.

A partida máis elevada, con 115.000 euros, está destinada a axudas sociais para particulares. Terra Galega opúxose a esta proposta, coa que desde a administración local se pretende apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade, pero tamén dotar de recursos e protección individual ao persoal municipal e ás instalacións sanitarias dos espazos públicos.

En mamparas, que na súa maioría se colocarán no Conservatorio Profesional de Música, investiranse 30.000 euros, e para o reforzamento do servizo de limpeza nos colexios para cumprir co protocolo da Xunta destinaranse 45.800 euros só nun trimestre, aos que se suman 1.700 das escolas infantís.

Outros asuntos Por unanimidade foi aprobada unha nova bonificación de impostos, neste caso do 60%, para unha empresa de materiais de construción de nova implantación no polígono industrial de Bértoa. Con respecto á modificación da ordenanza do Ciclo Integral da Auga, en cumprimento do contrato vixente, BNG e PP votaron a favor, mentres que o PSOE abstívose e TeGa votou en contra.

Na quenda de rogos e preguntas, Terra Galega cuestionou distintos aspectos da Escola de Hostalaría, das axudas Sempre Carballo e das actuacións municipais relacionadas con distintos membros da Policía Local. O PP, pola súa banda, interesouse polo estado do proxecto do edificio social das antigas vivendas dos mestres e polo estado dos parques.