Carballo | Detido tras unha presunta agresión na rúa

Momento no que o ferido é evacuado en ambulancia.

Un home de mediana idade resultou gravemente ferido ao sufrir unha presunta agresión por parte doutro home. Os feitos ocorreron ás seis da tarde deste martes a metade da rúa Vila de Corcubión, fronte ao Instituto Alfredo Brañas. Segundo o comentado polos veciños da zona, unhas palabras subidas de ton terminaron con que un mozo de trazo suramericano, presuntamente agrediu por detrás á outra persoa, que caeu golpeándose fortemente a cabeza contra o chan. Tras o aviso do 112 Emerxencias Galicia, ao lugar acudiron de inmediato a Policía Local e a Garda Civil de Carballo, ademais dunha ambulancia do 061 que trasladou ao ferido ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O presunto agresor foi detido. No lugar dos feitos estivo traballando tamén a Policía Xudicial da Garda Civil, en aras de esclarecer todo o ocorrido.