A Garda Civil de Carballo detivo un mozo de 25 anos por presuntamente acoitelar a outro home na parroquia de Ardaña. Segundo a familia da vítima, a agresión producíase nunha discusión entre os dous homes derivada pola velocidade coa que circulaba o arrestado polo lugar do Castro, de onde ambos son veciños. Ao parecer a vítima foi chamarlle a atención á casa, e o presunto agresor atacouno cun coitelo, asestándolle varias coiteladas nas costas e na cabeza.
Efectivos do 061 acudiron ao lugar para atender e estabilizar ao ferido, de 31 anos. Trasladárono ao hospital á Coruña, pero xa recibiu a alta. O presunto agresor foi arrestado pola Garda Civil, e conducido ao calabozo do cuartel de Carballo. En principio, non presentaba lesións. Foi posteriormente trasladado a un hospital da Coruña para facerlle as analíticas requiridas pola investigación e está á espera de pasar a disposición xudicial.