- A exposición, instalada na Praza do Concello, poderá visitarse ata o 1 de marzo
A Praza do Concello de Carballo conta desde este luns cunha exposición, a ceo aberto, sobre o escritor Carvalho Calero, a quen se lle adicou o Día das Letras Galegas 2020. A mostra, que conta con trece expositores no corredor paralelo á rúa Colón, poderá visitarse ata o 1 de marzo.
A Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, a través das súas respectivas áreas de Normalización Lingüística queren, dalgún xeito, resarcir a Ricardo Carvalho Calero cunha exposición que axude a difundir o seu legado entre a cidadanía do municipio. «Ninguén pon en cuestión que a COVID-19 fixo que a conmemoración do Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero, tan demandado e agardado, quedara desdebuxado tanto polo confinamento e polo peche dos centros de ensino no período lectivo arredor do día como pola imposibilidade de organización de actos con asistencia de público», comenta a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, quen defende a súa proposta como «unha actividade segura» ao ser ao aire libre.
A mostra chega a Carballo despois de pasar por Ferrol, cidade natal do escritor, e A Coruña.