Carballo | Do 25 ao 29 de abril volve a Semana do Libro e a Lectura

2 minutes read
Presentación_Concello de Carballo.

Volve a Carballo a Semana do Libro e a Lectura para descubrir como ve o concello o alumnado de infantil e primaria. Para a rapazada, “Carballo é…” unha chea de cousas: mar, deporte, arte, regueifa, cultura, natureza… E sobre todas elas, e algunhas máis, traballaron nas aulas os nove centros participantes para crear a magnífica exposición que imos poder ver do 25 ao 29 de abril na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, xa que estará aberta ao público en horario de tarde.

Pero a Semana do Libro e a Lectura, organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa AS-PG e patrocinada pola Fundación Luis Calvo Sanz, é moito máis. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presentou o programa acompañado por Luciano Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz, e polo alcalde, Evencio Ferrero.

Marcos Trigo expresou a satisfacción do Concello de Carballo por poder recuperar, despois de dous anos, unha actividade que foi a máis ao longo de catorce edicións, e que chega á número 15 con algúns cambios derivados, precisamente, da pandemia. Así, explicou, as actividades matinais non se desenvolverán na biblioteca, senón, agás no caso do CRA Ponte da Pedra, nos propios centros. Polas tardes, como viña sendo habitual, haberá actividades abertas ao público, aínda que con reserva previa de convite no 981758580.

Polos colexios carballeses pasarán diferentes espectáculos de Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Félix Rodríguez e Fran Rei, Teatro Ghazafelhos, Xarope Tulú e mesmo un obradoiro de robótica. E todos os días ás 18 horas, a Biblioteca Rego da Balsa abrirá as súas portas a toda a rapazada de 3 a 8 anos para que desfruten de Tardes de contos, música e maxia

Luciano Calvo expresou a satisfacción da Fundación Luis Calvo Sanz polo regreso da Semana do Libro e da Lectura e o seu desexo de que esta actividade “fortaleza o espírito de lectura dos nenos e nenas e que o manteñan durante toda a vida”.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu a colaboración “totalmente decidida” da Fundación Luis Calvo Sanz e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega para poder fomentar a lectura na infancia, “porque a lectura fainos críticos e autocríticos”, pero tamén para convidarnos a reflexionar sobre Carballo, “porque o espazo onde vivimos temos que seguir construíndoo entre todos”. Evencio Ferrero felicitou tamén ao profesorado e ás familias pola súa implicación.