Carballo duplica a oferta de campamentos dixitais en colaboración coa Fundación Esplai

Despois da boa acollida que tiveron o ano pasado, este martes comezou na Aula CeMIT o primeiro dos catro campamentos do proxecto CRI-TIC, en colaboración coa Fundación Esplai, que se desenvolverán ata finais de agosto, e que teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, deron a benvida aos primeiros participantes, e animáronos a aproveitar as vacacións de verán para seguir formándose dun xeito lúdico.

Os grupos teñen un máximo de 12 participantes e están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos. Para este último aínda quedan prazas. As inscricións deben realizarse a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011.

En todos os casos, o horario do campamento é de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán os seguintes contidos:

  • Uso responsable e consciente da tecnoloxía e RRSS
  • Fake News: fiabilidade da información
  • Programación e robótica educativa
  • Intelixencia Artificial (IA) e Creatividade Dixital
  • Ciberseguridade e prevención do ciberacoso
  • Realidade aumentada e realidade virtual
  • Actividades lúdicas e lecer saudable

O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo.

Related posts

Conclúen as obras de renovación da rede de abastecemento de auga na Avenida Méndez Núñez de Caión

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso