Carballo e A Laracha, concellos pioneiros na recollida de lixo orgánico

4 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou este luns no centro sociocultural de Paiosaco, xunto aos alcaldes da Laracha, José Manuel López, e o de Carballo, Evencio Ferrero, ademáis do presidente de Sogama, Javier Domínguez, na presentación do programa de recollida selectiva da fracción orgánica en ambos municipios, un paso previo imprescindible para poder enviar os seus biorresiduos ás instalacións de Sogama.

Estes dous concellos serán os primeiros en empezar a depositar a fracción orgánica dos seus residuos urbanos na planta de compostaxe do complexo de Cerceda, instalacións que teñen capacidade para tratar 15.000 toneladas ao ano deste tipo de material e grazas a elas contribuirase a que os concellos poidan acadar o obxectivo fixado por Europa de reciclar o 50% dos residuos urbanos no ano 2020, unha competencia municipal, lembrou Ángeles Vázquez, pero para a que contan co apoio e axuda do Goberno galego.

Presentación en Paiosaco do programa de recollida selectiva da fracción orgánica Laracha-Carballo.

A posta en marcha da recollida selectiva en Carballo levarase a cabo a través dun programa de voluntariado ambiental semellante ao que participou, con moito éxito, na experiencia piloto “Ti tes a chave” que se desenvolveu no barrio da Milagrosa. O concepto e o funcionamento serán idénticos, pero agora a participación abrirase a todo o núcleo urbano. Proximamente habilitarase un posto no Mercado Municipal no que as persoas interesadas poderán anotarse, asinar o documento de compromiso e recoller o “kit de voluntariado” formado por un recipiente de 10 litros, tres atados de bolsas compostables, un tríptico informativo e unha chave para abrir o contedor. Ademais da campaña de compostaxe caseira realizarase outra destinada a grandes produtores.

A implantación nestes dous concellos coruñeses do quinto contedor para facilitar a recollida da fracción orgánica nos seus núcleos urbanos, dixo a conselleira, reforzará e virá complementar o Programa de Compostaxe Doméstica de Sogama, ao que ambos están adheridos desde hai anos e que centra a súa atención sobre todo no eido rural.

Os concellos de Carballo e A Laracha dispoñen xa, respectivamente, de 300 e 105 composteiros instalados, ambos se beneficiaron este ano do reparto de contedores específicos para depositar a fracción orgánica. Neste sentido, felicitou a ambos rexedores polo traballo feito ata o de agora e incidiu en que “están dando pasos decisivos para chegar a acadar a xestión integral” dos biorresiduos coa súa adhesión á nova planta de compostaxe de Sogama, un exemplo que confía en que seguirán outros concellos da comarca que, como indicou, xa amosaron interese polo seu funcionamento.

Cómpre lembrar que máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia tanto de reducir a produción destes residuos, como de incrementar a súa separación e tratamento axeitados. A fabricación de compost comporta un triplo beneficio xa que contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2; garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego; e tamén se reducen os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.

De feito, a responsable de Medio Ambiente apuntou que aos concellos tamén lles sairá máis rendible apostar por unha correcta xestión dos biorresiduos, xa que o canon de Sogama por tratar esta fracción na planta de compostaxe é máis barato que o da bolsa negra.

Programa de compostaxe doméstica

Desde a posta en marcha do programa de Compostaxe Doméstica, Sogama xa distribuíu gratuitamente 10.900 composteiros entre 314 entidades, maioritariamente concellos (188), colexios (108), colectivos e entidades sociais (18). Cada un destes dispositivos para facer compost teñen entre 360 e 400 litros de capacidade e están realizados a partir de materiais reciclados, o que permite que, ao final da súa vida útil, sexan totalmente recuperables.

Ángeles Vázquez explicou tamén que o seu departamento seguirá apostando o ano que vén por este programa de éxito, xa que Sogama ten previsto repartir en toda a comunidade un total de 3.000 novos dispositivos para transformar residuos orgánicos en compost.

Así mesmo, referiuse a outros proxectos e iniciativas impulsados pola Consellería nos últimos meses co obxectivo de fomentar a compostaxe e a educación arredor do tratamento da fracción orgánica e os seus beneficios medioambientais. Neste sentido, lembrou o programa escolar posto en marcha este curso e do que se beneficiarán arredor de 10.000 alumnos de 30 centros de Infantil e Primaria con horta e comedor.