“Carballo é así grazas a ti”, a nova mensaxe de concienciación ambiental inscrita nos camións do lixo

Nuevos camiones de la basura en Carballo_Cedida

  • Este venres presentáronse catro novos vehículos que permitirán realizar nunha soa ruta a recollida de dous tipos de residuos

Representantes e persoal do Concello de Carballo e da empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión dos residuos sólidos, Urbaser UTE Carballo, presentaron este venres catro novos vehículos (tres deles con dous compartimentos separados) que permitirán realizar nunha soa ruta a recollida de dous tipos de residuos diferentes “co conseguinte aforro económico e medioambiental”, tal e como explicou Luis Torre, delegado da empresa concesionaria. Pero ademais, para seguir animando á cidadanía a reciclar, os novos camións levan inscrito o lema “Carballo é así grazas a ti”.

Esta nova imaxe é posible grazas ó labor realizado por catro fotógrafos vinculados a Carballo: Antonio Fernández, Fernando Nieto, Oti Fernández e Alberte Sánchez. O rexedor, Evencio Ferrero, agradeceu a colaboración destes traballadores destacando a importancia da imaxe visual para que “a xente vexa que para ter esta paisaxe e estes entornos é fundamental que eliminemos plásticos, que eliminemos vertidos, que se faga recollida selectiva no colector marrón”.

Carballo conseguiu situarse o ano pasado entre as 10 cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes coas mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Ademais, o Concello segue investindo en políticas medioambientais dentro da Estratexia Carballo 2030, una normativa que obrigará aos concellos de máis de 20.000 habitantes a implantar a recollida selectiva para o vindeiro ano.