A cabalgata comezaba a percorrer o núcleo urbano de Carballo ao redor das seis da tarde xunto ao Centro Comercial Bergantiños. A comitiva real estivo conformada polas tres carrozas nas que se puido ver a Melchor, Gaspar e Baltasar. Completando o séquito, ián varios paxes axudando no reparto de caramelos, uns 600 quilos máis ou menos. Tras percorrer varias rúas do casco urbano, cunha sarabia incluída, en menos de dúas horas Melchor, Baltasar e Gaspar chegaban á Praza do Concello, que estaba ateigada de persoas para recibilos, tamén se atopaban o alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez. Acto seguido escoitaron as peticións dos nenos e nenas na carpa de Nadal, rematando a cabalgata cunha festa para toda a rapazada, e proseguindo o percorrido por outros lugares e parroquias.
Melchor, Gaspar e Baltasar tamén encheron Malpica de ilusión
As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente tiveron unha primeira parada na parroquia de Buño que continuou coa tradicional cabalgata pola vila de Malpica.
Durante a tarde, Buño acolleu a recepción dos Reis Magos organizada pola AVSC O Quinteiro, cun programa que incluíu un obradoiro infantil para a elaboración de carteis de benvida, cantos dedicados ás súas Maxestades, a recepción oficial e unha chocolatada popular no Parque Luciano García Alén.
Xa pola tarde-noite, ás 19.00 horas, deu comezo en Malpica a cabalgata dos Reis Magos, que saíu desde o Centro Cívico. A comitiva estivo formada por un vehículo de Protección Civil, dous pasarrúas con zancudos, un malabarista, tres músicos de ASACOCIRCO, catro pingüíns xigantes de Boneca Lareta e un segundo vehículo de Protección Civil con carroza real e carromato musical.
O percorrido discorreu pola rúa Ventorrillo, rúa Emilio González López, praza Anselmo Villar Amigo, rúa Eduardo Vila Fano, Cruceiro, Porto, Dársena e Casa do Pescador, onde tivo lugar a recepción oficial das súas Maxestades.

Á chegada á Casa do Pescador, o alcalde de Malpica recibiu aos Reis Magos na porta principal e acompañounos ata o balcón do ISM, desde onde tivo lugar o saúdo institucional. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, deu a benvida ás súas Maxestades destacando o carácter mariñeiro da vila: “Chegades a unha vila mariñeira, rodeada polo mar, polo son das ondas e polo traballo de xente valente. Chegades a un pobo que mira cada día cara ao océano, onde os barcos buscan o abrigo do porto e as redes se preparan co mimo, e onde as Sisargas nos lembran o orgullosos que estamos da nosa terra”.
O rexedor deulle a palabra a Melchor, que se dirixiu ás nenas e nenos de Malpica, lembrando a importancia de manter a ilusión e sinalando que “a ilusión é unha luz pequeniña, pero moi poderosa, que vos acompañará sempre”.
A xornada pechouse co encontro das súas Maxestades coa infancia na praza Anselmo Villar Amigo, antes de continuar a súa viaxe nocturna polos fogares do municipio.
A visita das súas Maxestades continuaba este martes 6 de xaneiro, con paradas noutras parroquias do municipio segundo o seguinte programa:
- Santiso – 10.30 h, no campo da festa
- Beo – 11.00 h, na estrada xeral, no cruce
- Mens – 11.30 h, no campo da festa
- Barizo – 12.00 h, no campo da festa
- E Seala – 13.45 h, no campo da festa
Esta xornada conta coa colaboración da ACD San Xulián.
A veciñanza podía seguir desfrutando da visita dos Reis Magos nas distintas parroquias do concello.