Carballo e L’isle-Jourdain reforzan os seus lazos cunha ampla programación cultural e de irmandade

2 minutes read

O Concello de Carballo e a localidade francesa de L’Isle-Jourdain (Gers) reafirman a súa histórica amizade, iniciada hai máis de tres décadas, cunha completa fin de semana de actividades de intercambio cultural. A programación de irmandamento para este 2026 arrincou este venres 24 de abril coa recepción ofrecida polo alcalde, Daniel Pérez, aos visitantes, e estenderase ata o luns 27. Catro días para crear espazos de convivencia tanto para a delegación francesa como para a veciñanza carballesa.

A recepción oficial da expedición tivo lugar este venres no salón de plenos, nun acto presidido polo alcalde carballés pero no que tamén contamos, vía vídeoconferencia, co novo rexedor de L’Isle-Jourdain, Éric Bizard. O acto foi retransmitido en directo por YouTube, e podedes velo máis abaixo.

O sábado 25, a actividade trasladarase á Escola de Idiomas (EOI) cun almorzo de confraternidade e unha ruta guiada polos murais de Carballo, conducida polo propio alumnado de francés da escola a partir das 12.00 h.

A tarde do sábado estará protagonizada polo Encontro galego-occitano no mercado municipal. Desde as 18.30 h haberá obradoiros de baile tradicional e, a partir das 19.30 h, unha gran foliada e queimada coa participación de grupos locais (Arume de Verdillo, Escola do Alprende, Nemeth) e músicos occitanos (Marie-Françoise Rivail, Monique Garnung, Francis Deluc e Eric Viala).

O domingo 26 de abril a delegación visitará a feira de Carballo durante a mañá. Como peche cultural, o Pazo da Cultura acollerá ás 20.00 h o espectáculo de danza “Benquerer”, ao que asistirán tanto os visitantes franceses coma as familias acolledoras.

Para finalizar a visita, o luns 27 realizarase unha xornada de carácter máis turístico e industrial con visitas a Iberluffa en Caldas de Reis, Santiago de Compostela e Fisterra.