O venres, 30 de xuño, partía da capital de Bergantiños un grupo de carballeses, de diferentes xeracións, rumbo a L’Isle Jourdain, onde os esperaban as familias francesas. Deste xeito recupéranse as viaxes de intercambio habituais entre as dúas vilas, que foran interrompidas por mor da pandemia.
Ao longo dos vindeiros días, os carballeses e carballesas desprazados a L’Isle Jourdain van gozar de numerosas actividades. A primeira delas foi o acto de benvida no que participaron, ademais doutras personalidades, o alcalde de L’Isle Jourdain, Francis Idrac; Christine Ducarrouge, conselleira departamental; Angèle Thulliez, responsable de patrimonio no concello de L’Isle Jourdain; José Luis Pereira, director do comité departamental de turismo – Destination Gers; Jean Marc Delpeyroux, presidente do comité francés de irmandamento; e Ana Cancela, presidenta do comité carballés.
Na súa intervención, Francis Idrac destacou a fortaleza dos lazos de unión entre Carballo e L’Isle Jourdain e xa avanzou que devolverán a visita en 2024 para celebrar xuntos os 30 anos de irmandamento. Pola súa banda, Ana Cancela, puxo en valor o traballo dos comités de irmandamento dun e doutro lado da fronteira e recoñeceu, asimesmo, o apoio institucional ás iniciativas postas en marcha polos comités de irmandamento pero sobre todo agradeceu a participación da xente de Carballo nas numerosas actividades propostas ao longo do ano. Jean Marc Delpeyroux lembrou como comezou a relación de intercambio, coa visita dun grupo de estudantes do instituto Alfredo Brañas, encabezada polo profesor Manuel José González, anos antes de que o irmandamento se fixera oficial entre os dous concellos.
Música e gastronomía
A xornada do sábado continuou con diversas actividades culturais: xogos, obradoiro de bailes tradicionais e, ao final da xornada o festival occitano “Escota e minja”, en galego “escoita e come”. Trátase dunha festa moi popular, ambientada na cultura occitana, cunha cea multitudinaria ao aire libre, na praza do concello, amenizada con música en directo.
A expedición continúa con visitas a diversos lugares de interese do sur de Francia, entre os que destacan a vila medieval de Carcassonne e tamén Toulouse, cidade próxima a L’Isle Jourdain e motor económico da contorna.