Carballo é un dos 15 concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, que participaron esta esta semana no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), nunha xuntanza convocada dende a Fegamp para reivindicar o seu papel estratéxico dentro de Galicia e a fin da discriminación que sofren no reparto de fondos europeos, como está a pasar cos Next Generation. O Concello de Carballo estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Innovación, Iván Andrade, que presentaron unha serie de propostas que poñen de manifesto ese papel estratéxico que están a desempeñar concellos coma Carballo en diferentes áreas.
Na xuntanza participaron os concellos de Ames, Arteixo, Cambre, Cangas, Carballo, Culleredo, A Estrada, Lalín, Marín, Narón, Oleiros, Ponteareas, Porriño, Redondela, Ribeira e Vilagarcía (cuxo alcalde é o presidente da Fegamp). A Federación Galega de Municipios e Provincias estima que este grupo de concellos constitúen o grupo con maior déficit de financiamento en termos per cápita, cunha media de 127 euros por habitante, e iso malia que se trata dos concellos que experimentaron o maior aumento de poboación no que vai de século e gañaron máis veciñanza nova.
