Trátase dunha campaña que vén de poñer en marcha a área de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo do 8M, e que tivo nas instalacións da AC Alexandre Bóveda da Coruña a primeira cita da súa programación. Neste mes de marzo, continará nos concellos de Cabanas, Carballo, Betanzos e Cambre. Mentres que en abril chegará a Arzúa, Oroso e Zas. En Carballo a cita será o luns 20 de marzo pola mañá no Forum Carballo, en Zas o 24 de abril.
As actividades que se levarán a cabo pretenden, entre outros obxectivos, crear espazos de coñecemento dirixido ás traballadoras dos coidados, divulgar a normativa vixente en materia laboral neste sector, impulsar espazos de reflexión e debate arredor das desigualdades de xénero que afectan ao mercado laboral, e dar a coñecer asociacións, organizacións e espazos que loitan polos dereitos das mulleres no ámbito laboral.
A campaña “É por ser muller” pon o foco na situación de desvantaxe que sofren as mulleres que, pola súa condición de xénero, teñen que se facer cargo do ‘traballo reprodutivo’, que engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario, da igualdade ou do acceso á vivenda. Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero.