Carballo | Eliminado un vertido de augas residuais ao río Grande en Entrecruces

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais ao río Grande, pertencente á bacía do río Anllóns, no concello de Carballo.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco nunha inspección rutineira, e que tiña a súa orixe nunha rede de saneamento unitaria na parroquia de Entrecruces, tal e como confirmaron as analíticas tomadas polo persoal da Xunta no punto de vertido.

Os técnicos autonómicos iniciaron diversas inspeccións co persoal do Concello, de cara a requirir as medidas oportunas para a eliminación do vertido. Tras estas actuacións, o Concello proxectou a construción dunha nova rede de augas residuais na zona con destino a unha estación depuradora.

O persoal de Augas de Galicia confirmou nunha inspección recente a execución desta actuación por parte do Concello, así como o consecuente cese do vertido.