Carballo | Emotiva despedida a Francisco García Bello, por xubilación

1 minutes read

Francisco García Bello despediuse este venres dos seus compañeiros e compañeiras despois de 38 anos de traballo na área de Deporte do Concello de Carballo, e coincidindo co seu 65 aniversario . Primeiro, nas instalacións do complexo deportivo Vila de Noia, onde o agardaban unha celebración sorpresa á que asistiron, ademais do persoal da área, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, a muller de Fran e os seus fillos. Moi emocionado, Fran asistiu a unha proxección que lle tiñan preparada con fotografías e recortes de prensa da súa traxectoria profesional, e despois de recibir e repartir as apertas características desta era-COVID, achegouse ata a Casa do Concello para recibir a homenaxe institucional do goberno e do persoal municipal. Despois de entregarlle como agasallo un carballo de Sargadelos dedicado, Evencio Ferrero destacou o traballo de promoción do deporte desenvolvido por Francisco García Bello nos 38 anos que estivo no cargo. «Do mesmo xeito que xunto á túa muller e os teus fillos constituídes un núcleo familiar moi forte e unido, agardamos que tamén teñas un espazo nese gran corazón que tes para os teus compañeiros», manifestou o alcalde.

Imaxe da despedida-homenaxe, no pavillón Vila de Noia.