- As actuacións previstas consisten na mellora da rede de abastecemento en 20 rúas, a conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do río Anllóns e as redes de abastecemento e saneamento de Vilar de Uz
Tras a súa aprobación esta semana pola Xunta de Goberno Local, xa están en licitación tres novas obras para continuar estendendo o ciclo integral da auga a todo o concello de Carballo. O Goberno local realizará un investimento de 544.545,64 euros con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña para mellorar, entre outras cuestións, a rede de abastecemento en 20 rúas urbanas por 169.192 euros. En concreto actuarase nas seguintes: Antón Fraguas, Muíño, Río Miño, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Enxeñeiro Barreira, Anduriña, Gran Vía, Lousa e Titanio (polígono de Bértoa), Vázquez de Parga, Muíño, Mendel, Camiño do Bosque, Pan, Gardenias, Doutor Severo Ochoa, Tarragona, Dalias e Nacente.
Outra das obras que saen a licitación son a conexión depósito de Seixo Branco coa ETAP do río Anllóns, cun orzamento de 145.158,91 euros; e a rede saneamento e abastecemento de auga en Vilar de Uz (Oza), cun orzamento de 230.194,51 euros. Tamén está prevista a reposición das vías afectadas.
O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas está aberto ata o 25 de outubro.