As obras comezaron na zona dos depósitos de auga, no barrio do Chorís, e ata alí desprazouse o alcalde, Evencio Ferrero, coincidindo co inicio dos traballos. O Concello de Carballo realizará un investimento de 153.845,38 euros, segundo o contrato asinado en agosto coa empresa adxudicataria. En todos os casos os traballos inclúen a explanación, sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado. Tamén se realizará a sinalización horizontal e vertical, e ademais instalaranse luminarias onde sexa preciso.
A mellora dos aparcamentos retrasouse debido a que foi preciso realizar a licitación do proxecto dúas veces. Na primeira quedou deserto, dado que a única empresa que se presentou entrou en concurso de acredores e non se puido realizar a adxudicación.
Estas son as localizacións e as superficies aproximadas:
- Pazo da Cultura: 2.250 metros cadrados
- Rúa Perú: 2.250 metros cadrados
- Rúa Río: 700 metros cadrados
- Fórum Carballo: 1.000 metros cadrados
- Depósitos de auga: 2.200 metros cadrados
