- Estas obras serán financiadas con cargo ao remanente de tesourería do 2019, e entre ambas suman máis de 400.000 euros
As obras de reforma do pavillón polideportivo Carballo Calero e a antiga escola de Arrabais, no concello de Carballo, xa están en marcha. Estas actuacións están financiadas con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Mocidade, Maruxa Suárez, achegáronse ata as diferentes obras para ver a súa a evolución.
Segundo destacan desde o Goberno local, o obxectivo fundamental da intervención no pavillón Carballo Calero é «solucionar os problemas de filtracións de auga, humidades e condensación». Con esa finalidade procederase á mellora da envolvente do edificio mediante a substitución integral da cuberta e o revestimento das fachadas. As obras inclúen ademais o mantemento da carpintaría exterior, a substitución dos portais e a mellora do acceso a dous almacéns situados na parte traseira do pavillón. O proxecto ten un orzamento de 255.312,90 euros.
Na antiga escola de Arrabais, por outra banda, estase a desenvolver unha reforma integral que «optimice o seu uso actual como centro social do barrio da Milagrosa». As obras, que teñen un orzamento de 147.317,86 euros, inclúen o cambio da cuberta de fibrocemento por tella, recuperando as condicións estéticas orixinais do exterior do edificio inaugurado no ano 1929; e tamén a renovación do soportal, muros ou o chan. Melloraranse tamén as condicións de habitabilidade con novos aseos e instalacións de electricidade, iluminación, fontanería, saneamento, climatización e seguridade.
TeGa opta por derrubar a escola e a cámara agraria
A agrupación local Terra Galega-TeGa considera que o valor da licitación da reforma na escola de Arrabais «supera o valor da edificación existente, pois atópase en estado de ruínas», facendo ademais fincapé en que está «fóra da ordenación no PXOM vixente».
Por este motivo, a formación levará ao pleno ordinario deste luns, 26 de xullo, varias preguntas en relación a estas intervencións. Unha delas é se o Concello conta cos permisos pertinentes da Deputación da Coruña para realizar as obras nun edificio que se atopa nunha vía provincial. Tamén solicitan coñecer se existen informes emitidos por algún técnico municipal «sobre o valor da edificación existente respecto do prezo de licitación deste contrato de reforma».
Desde Tega «pensamos que esta reforma non ten sentido, pois temos o Fórum que ten salas que se poden habilitar para centro social dos veciños e veciñas do barrio». Segundo explica o voceiro da agrupación, Andrés Eirís Barca, a solución «é o derribo dese edificio e da cámara agraria, conseguindo un maior espacio para a feira e outras alternativas».
