- Será obrigatorio usar máscara no acceso aos areais e nos desprazamentos polos mesmos
Este xoves, 10 de xuño, actívase o servizo de salvamento en varias praias do concello de Carballo. Integrado por 32 socorristas, este equipo velará pola seguridade dos usuarios dos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal durante os próximos tres meses.
A campaña estival volverá a estar condicionada polas medidas de prevención do coronavirus. A día de hoxe, a normativa vixente obriga a respectar a distancia de seguridade á hora de colocar as toallas ou hamacas, así como a usar a máscara nos accesos, desprazamentos e paseos que se realicen pola praia. Ademais, os grupos non poderán superar o límite de 10 persoas, agás no caso de conviventes, aínda que esta última restrición quedará anulada a partir do sábado segundo comunicou o presidente da Xunta.
Este verán volverá a ondear a Bandeira Azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Ademais, Carballo é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.