- No período 2020-2024 reforzarase o investimento na reparación dos firmes e a roza
Á espera da mellora das condicións meteorolóxicas, a empresa concesionaria do servizo de conservación, mantemento e reparación das vías públicas está a realizar nos últimos días unha serie de actuacións urxentes de bacheo en toda a rede viaria municipal de Carballo.
O equipo de traballo está a percorrer a zona urbana empezando dende fóra cara o centro, e despois desprazarase polas parroquias. O bacheo é unha actuación provisional xa que o contrato inclúe o mantemento integral das vías: apertura e limpeza de gabias, asfaltados ou drenaxes.
A empresa Construcciones López Cao é a encargada dos traballos, que constitúen un dos tres eixes do novo servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, xunto coa sinalización e a roza. A estabilidade do servizo garantirase mediante contratos de ata cinco anos de duración con empresas especializadas en cada un destes ámbitos e, actualmente, o investimento sitúase arredor dos 2,5 millóns de euros.
Nos últimos meses tamén se puxo en marcha o servizo de conservación, mantemento e traballos de sinalización, do que se encarga a empresa SACYR Conservación. Entre as actuacións realizadas figuran o pintado do aparcamento do San Martiño ou a sinalización dos novos hidrantes do polígono industrial de Bértoa.
O terceiro eixe é o de roza das vías, que tamén se divide en dous lotes: un para espazos de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias. Do primeiro encárgase a empresa de José Luis Campos Campos, encargada da roza de comas como o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal ou os aparcamentos das praias. En canto á roza de vías, o contrato foi adxudicado á firma Jardincelas á espera de que o contrato sexa asinado.