Carballo en obras | Comeza a funcionar a nova rotonda da Milagrosa

Carballo está mergullado nunha serie de obras que conducirán á creación dunha canle de augas altas no río ao seu paso pola vila, incluídas no plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns, cofinanciadas polo Concello e a Xunta de Galicia. A primeira fase, que xa está en marcha, leva acompañada a derriba dun edificio de vivendas na rúa Sol, xunto a ponte, propiedade do Concello dende fai anos e que invadía parte da canle natural do río. En breve, haberá unha actuación similar sobre a ponte da rúa Fomento.

O Concello, no seu afán de minimizar as molestias a condutores e viandantes, sinalizou a zona e acondicionou varias rutas alternativas tras o peche este mércores da ponte da rúa Sol en ambos sentidos. Tamén ubicou unha rotonda provisional na intersección da avenida da Milagrosa coa rúa Río Miño, para tratar de darlle fluidez ao tráfico rodado que se verá especialmente incrementado nesa zona a partir de agora.

As alternativas ao funcionamento normal do tráfico postas en marcha polo Concello son as seguintes:

a) Os percorridos propostos para o tráfico pesado son:

  • DP1905/DP1914 – Rotonda da Milagrosa – Av. Fisterra – Av. Revolta – AG-55
  • Polígono – AG-55 – Av. Revolta – Av. Fisterra – Av. Milagrosa – Rotonda Milagrosa- DP1905/DP1914

As alternativas xa foron comunicadas á Dirección Xeral de Tráfico para que se inclúan nos dispositivos de navegación e os condutores sexan redirixidos mesmo antes de entrar na zona urbana.

b) Tráfico de turismos e furgonetas

Permítese a circulación en casco urbano pero deséñanse os seguintes percorridos para redirixir o tráfico de paso polas vías de maior capacidade:

  • Os vehículos procedentes de DP1905 e DP1914 dirixiranse cara Av. Milagrosa – Río Anllóns – Av Fisterra – Vicente Risco – Luis Calvo- Perú (rotonda Ponte da Pedra).
  • Os vehículos procedentes de Vila de Negreira ao chegar á rotonda dirixiranse por rúa Sol (os que vaian cara Malpica) e por Santa Ana, San Martiño, Río Miño para os que se dirixan cara DP 1905/DP1914.

Para evitar o colapso do cruce Río Miño/San Martiño prohibirase a entrada de vehículos procedentes da Av Milagrosa en Río Sil e Río Miño e modificarase o cruce de Río Miño con San Martiño obrigando ós vehículos procedentes de Río Miño a xirar cara o San Martiño, priorizando o tráfico procedente de rúa Santa Ana.

No cruce de Río Anllóns con Río Miño prohíbense os xiros á esquerda tanto para os vehículos procedentes de Río Anllóns coma para os procedentes de Río Miño. Así mesmo, instalarase unha rotonda provisional na Av. da Milagrosa na confluencia con Río Miño para mellorar a fluidez do tráfico de saída de Río Miño.

c) Autobuses

a) Os procedentes de DP1905 e DP1914 deben redirixirse cara a estación de autobuses e dende alí cara o centro de saúde por Luis Calvo – Perú. O regreso será pola mesma vía.

b) Río Anllóns, Santa Ana e Sol

As empresas de transporte que operan no concello xa foron informados sobre as alternativas segundo as rutas a realizar, con especial incidencia no transporte escolar.

d) Peóns

O corte da ponte da Milagrosa tamén vai supor a falta de conexión de parte do barrio co centro urbano. Un dos nexos será a ponte do San Martiño, pero tamén se acondicionarán e sinalizarán os pasos polas rúas Costureiras e Manuel Barreiro.

Desde o Concello de Carballo agradecen a paciencia e a colaboración da veciñanza. Agardan que o desenvolvemento das obras sexa rápido e que a coincidencia dos traballos nas pontes da rúa Sol e da Casilla sexa o menor tempo posible.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha