Carballo entra na recta final da campaña anual de roza cun 90% do traballo completado

Traballos de roza en Artes_Cedida
  • O Concello ten en licitación un contrato por valor de 600.000 euros anuais que permitirá axilizar os traballos

A limpeza das marxes das vías municipais convértese entre os meses de xuño e outubro nunha tarefa contra o reloxo para moitos municipios, como é o caso de Carballo, que conta con máis de 1.200 quilómetros de pistas. A día de hoxe o concello xa ten completado o 90% da campaña anual de roza, que se finalizarña durante a semana que vén cos traballos na parroquia de Sofán, e en zonas de Rus e Entrecruces.

Coa intención de intensificar e axilizar os traballos de cara aos vindeiros anos, o Concello de Carballo ten en licitación nestes momentos un contrato por un importe próximo aos 600.000 euros que inclúe dous tipos de actuación. Por unha banda, a roza por ambas marxes de 270,5 quilómetros lineais de vías nas parroquias, coa obriga de que a empresa adxudicataria desenvolva este labor entre o 1 de xuño e o 31 de xullo. Por outra, inclúese a roza de espazos urbanos de uso público, actuacións que a empresa terá que realizar polo menos tres veces ao ano, e a primeira será obrigatoriamente antes do 31 de maio.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 13 de outubro para presentar a documentación. O contrato será por un ano, pero poderá prorrogarse por catro máis, e o prezo de licitación é de 599.804,51 euros.