Carballo | Entran en funcionamento os primeiros pasos de peóns “intelixentes”


Esta fin de semana empezaron a funcionar en período de probas os primeiros pasos de peóns “intelixentes” de Carballo. Caracterízanse porque “detectan” aos peóns e poñen en funcionamento unha serie de mecanismos para alertar aos condutores sobre a súa presenza: aumenta a intensidade da iluminación do alumeado público e actívase un panel luminoso cunha lenda, tamén luminosa, que advirte da presenza do peón. En principio instalaranse 14 nos puntos máis conflitivos da rede viaria urbana. Os dous primeiros están situados a ámbolos lados da ponte de Isabel II, un na rúa Fomento, onde ademais vai acompañado cun paso de peóns elevado, e outro xa na avenida de Fisterra. Técnicos municipais e da empresa concesionaria do alumeado público explicaron o seu funcionamento ao alcalde, Evencio Ferrero, e aos concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Servizos, Luis Lamas.

A instalación destes pasos de peóns “intelixentes” forma parte dun proxecto de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano que está a executar a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 189.244 euros, co-financiados entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.