Carballo, entre as 10 cidades europeas con mellores prácticas ambientais

Carballo de Vilar de Francos_Cedida

  • O concello carballéso acadou o 8º posto entre as 18 cidades seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea

Carballo está no Top 10 das cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. O concello carballés acadou o 8º posto entre as 18 cidades seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea, acadando moi boas valoracións nalgunhas das seis áreas temáticas, e destacando no 4º posto na de Residuos e Economía Circular.

Esta última área foi a mellor valorada pola recollida selectiva nas diferentes fraccións, o plan de compostaxe doméstica e as accións de sensibilización cidadá encamiñadas a conseguir unhas rúas libres de cabichas e outros residuos.

Na área de cambio climático e eficiencia enerxética, os expertos avaliaron moi positivamente o feito de que Carballo fose o primeiro concello galego en implantar a tecnoloxía led en todo o alumeado público, acadando un 80% de aforro en consumo enerxético. A adhesión ao Pacto dos Alcaldes e a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) tamén mereceron unha mención especial.

En canto a mobilidade urbana sostible, as accións mellor valoradas están relacionadas co fomento da mobilidade peonil (louvan o metrominuto), a redución da velocidade urbana a 30Km/hora e as iniciativas para facilitar o aparcamento mediante a zona azul e os convenios con particulares para crear grandes bolsas no centro urbano. Con respecto á auga, os expertos destacan o proxecto Anllóns-Bardoso e a extensión das redes de abastecemento e saneamento a todo o territorio, así como as campañas informativas e de concienciación social.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha