Carballo envía a Sogama máis de 239.000 quilos de residuos orgánicos grazas ao programa «Ti tes a chave»

1 minutes read
  • Na actualidade esta iniciativa conta con 1.253 familias e 123 establecementos colaboradores

Dende a posta en marcha do programa “Ti tes a chave” na zona urbana de Carballo, iniciada a mediados de xullo do 2020, o Concello enviou á planta de compostaxe de Sogama un total de 239.020 quilos de residuos orgánicos. Neste mes de marzo, segundo o resumo de entregas remitido pola empresa, alcanzáronse os 32.120 quilos.

Reducir estes residuos e fomentar a compostaxe é doado. Tan só é necesario conseguir a chave para abrir os colectores marróns que hai repartidos por toda a zona urbana. Isto pódese facer de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, no local de Carballo Limpo.

O Concello de Carballo conta con 1.253 familias e 123 establecementos colaboradores dentro desta iniciativa. Aqueles que desexen participar levarán para a súa casa un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitar a separación dos restos orgánicos, tres atados de bolsas compostables e un tríptico informativo.