Un camión que transportaba áridos envorcou este venres na estrada que enlaza as parroquias carballesas de Rus e Entrecruces. O suceso produciuse minutos antes das tres da tarde e tras o envorco o condutor do vehículo pesado quedou atrapado na cabina do mesmo. Unha vez dada a voz de alarma ao lugar acudiu unha patrulla da Garda Civil, Protección Civil e os Bombeiros de Carballo, estes últimos foron os encargados de liberar ao condutor atrapado no camión, o cal posteriormente foi evacuado en ambulancia ao hospital en estado grave. Investigan o ocorrido, pero o forte vento reinante nesa zona de cota alta podería gardar relación co contratempo.