Carballo | Arrincan as actividades con motivo do 25N

2 minutes read

Este 25 novembro é o Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller, polo que o concello de Carballo convida aos seus veciños a que se manifesten ese día, a partir das 20:00 horas, para “que se vexa o rexeitamento social á violencia de xénero desde Carballo”, sinala a concelleira de Igualdade, Maica Ures. Iso si, a concentración terá que ser virtual debido á situación sanitaria. Para participar só haberá que entrar en carballo.gal ou nas redes sociais do Concello.

Ademais, o día 25 o Concello de Carballo tamén se sumará á iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias para gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas por todas as vítimas da violencia machista. No contexto actual de crise sanitaria, este ano non se realizará un chamamento á participación cidadá, senón que se realizará unha concentración institucional para visibilizar o compromiso da sociedade carballesa coas vítimas.

No relativo á programación arredor do 25N, haberá propostas reivindicativas e culturais para distintos públicos:

• Luns 23 de novembro: Inicio da exposición urbana de artistas locais contra a violencia de xénero. Fotografías, debuxos e pinturas ilustran un total de 18 paneis que se colocarán separados en varias rúas do centro urbano.

• Martes 24 e mércores 25: “1 minuto contra a violencia de xénero”. Trátase dun concurso no que os participantes deberán gravar un vídeo de máximo 1 minuto de duración amosando o seu rexeitamento á violencia de xénero. Entre todas as persoas participantes realizarase un sorteo de 1 lote de produtos da campaña “En negro contra as violencias”. Os vídeos deben remitirse a comunicacion@carballo.gal.

• Mércores 25 de novembro: Ademais de gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas e da manifestación telemática das 20:00 horas, para as 20:30 horas está programada no Pazo da Cultura a estrea do espectáculo Bravas: historias das nosas mulleres, da man da actriz Isabel Risco. A entrada será libre e gratuíta, con previa reserva de entrada no email culturaentradas@carballo.gal.

Outras accións
O Concello de Carballo participa este ano na campaña “De fronte á violencia de xénero”, promovida dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña, á que tamén poden sumarse os establecementos que o desexen. Os interesados deben poñerse en contacto co CIM no teléfono 981 700 688 ou no correo electrónico carballoennegro@gmail.com, e faráselles chegar unha etiqueta identificativa.