Carballo estende a rede de saneamento ata Pedra do Sal cunha inversión de 687.000 euros

Zona de O Igrexario, Lema_Ayuntamiento de Carballo

  • As obras realizaranse con cargo aos fondos do POS+ provincial deste ano

O Concello de Carballo puxo en marcha esta semana o procedemento de contratación da obra coa que se estenderá a rede de abastecemento de auga dende Lema ata Pedra do Sal. O orzamento ascende a 687.472 euros e será o único proxecto que se realizará con cargo aos fondos do POS+ provincial deste ano para «garantir neste mandato o subministro de auga á zona costeira», sinalan desde o Goberno local.

A traída da Pedra do Sal completará un investimento que supera os 3,2 millóns de euros e que permitirá dotar de auga de calidade e en cantidade a todo o litoral. O proxecto arrincará no lugar do Igrexario, en Lema. A rede estenderase ao longo de 12.403 metros de tubaxes de distintos diámetros, dotando do servizo aos núcleos de Vilar de Peres, Constenla, Rebordelos e Sambade (parroquia de Rebordelos), Imende e Casadelas (Noicela), e Sambade e Pedra do Sal (Lema).

O despregue da rede de abastecemento no litoral de Carballo segue as directrices do estudo director elaborado no ano 2009 co obxectivo de garantir o subministro aos núcleos de poboación de máis de 50 habitantes. Dentro dese plan municipal estableceuse a zona costeira como prioritaria, tanto polos problemas de escaseza que se repiten cada verán coma polo incremento da poboación, e polo tanto da demanda, que se rexistra tamén nesta época do ano.

Como consecuencia desa política de actuación, no ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento dende o polígono de Bértoa ata Oza e Razo, financiada exclusivamente con fondos municipais con case 1,7 millóns de euros e que xa dá servizo a varios núcleos desta zona.

Posteriormente tamén se acometeu a extensión da rede dende Razo ata Lema. As obras están rematadas, pendentes só da reposición das vías afectadas, e os veciños e veciñas que o desexen xa poden realizar as solicitudes de enganche. Ademais, este verán comezarán as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e O Outeiro (Lema).


O Concello de Carballo xa solicitou a axuda da Xunta de Galicia para completar o abastecemento de auga á zona costeira. Por parte da Administración autonómica comprometeuse un investimento de 15.000 euros para a redacción do proxecto que permitiría estender o servizo ás parroquias de Lema, Vilela, Noicela e Rebordelos.