Carballo estende o plan integral de mellora das zonas verdes a outros oito espazos axardinados


O Concello de Carballo puxo en marcha hai catro anos un proxecto de reforma integral das zonas verdes que comezou cunha primeira intervención en 11 espazos axardinados: Rego da Balsa, prazas de Galicia, do Concello e da Cruz Vermella e sete rotondas. Este primeiro contrato permitiu estender aos xardíns o proceso de transformación que está a experimentar a vila, e o esforzo realizado viuse recompensado a finais do ano 2022 no certame Vilas en Flor ao acadar, na súa primeira participación, 3 Flores de Honra.

Despois desa primeira intervención, cuxos resultados están á vista, da un paso adiante cun novo proxecto de mellora integral doutros 8 espazos axardinados: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal e A Milagrosa, a rotonda de Pedra Furada e outras catro situadas no polígono de Bértoa.

Todas as melloras que se están levando a cabo nas zonas verdes realízanse en función de criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar os problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentaban algúns deses espazos.