Carballo estende o plan integral de mellora de zonas verdes a oito novos espazos

Xardín na zona de Rego da Balsa_Concello de Carballo

  • O investimento deste proxecto, aprobado este luns pola Xunta de Goberno Local, acada os 89.999,71 euros

O Concello de Carballo segue adiante coa creación de zonas axardinadas tras decidir mellorar, de xeito integral, oito novos espazos verdes: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal, A Milagrosa e San Cristovo, a rotonda de Pedra Furada e outras catro situadas no polígono de Bértoa. O investimento, aprobado este luns pola Xunta de Goberno Local, acada os 89.999,71 euros.

Estas actuacións, que se suman a outros 11 proxectos implementados desde o 2019, teñen un obxectivo ornamental pero tamén funcional. Así, tal e como informan desde o Concello, na zona da Milagrosa crearanse pantallas acústicas e de protección, nas rotondas primará o acolchado de solos espidos e no parque do Anllóns xeraranse novas zonas de sombra. Todas as melloras realizaranse en función de «criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar os problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentan agora mesmo algunhas desas zonas verdes», sinalan desde o consistorio.

Ademais, o Concello continúa reforzando o seu compromiso social reservando o contrato para centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción reguladas.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde ao pago de facturas por importe de 20.112,28 euros e á aprobación definitiva do proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta para a obtención de terreos de propietarios non incorporados á xunta de compensación do sector SI-4 Calvo.

Ademais, aprobáronse varias licenzas de obras así como o contrato privado para o alleamento da participación indivisa da parcela M1 de cesión de aproveitamento urbanístico no ámbito SUD-D/S-T3- A Revolta, no que o Concello de Carballo é propietario dunha parcela de 2.806,33 metros cadrados pola que percibirá 232.055,42 euros.