Carballo estivo presente na conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico


A Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico, celebrada en Pontevedra, reivindicou unanimemente o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administracións dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento.

Precisamente porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades dos seus cidadáns, reivindican un papel protagonista no proceso de reconstrución para garantir que dito proceso contemple e apoie as necesidades dos habitantes das cidades da Eurorrexión.

Ao longo de case catro horas os alcaldes das principais cidades da Eurorrexión integrados no Eixo Atlántico, entre eles o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as liñas mestras que deben definir a folla de ruta da reconstrución.

Os responsables políticos reivindicaron a situación dos territorios de baixa densidade, que sempre son os máis desprotexidos, non da pandemia, senón dos apoios para superar os seus efectos. Esta posición á que tamén se adheriron os seus homólogos portugueses do interior, revelou situacións ignoradas como as que está vivindo o sector agroalimentario vencellado á gastronomía e ao turismo xa que moitas das grandes superficies venden produtos doutras rexións españolas.

Por iso, unha das reivindicacións unánimes foi o apoio a os sectores produtivos do territorio tanto no referente ás pequenas e medianas empresas, como aos autónomos.