Carballo estrea semáforos adaptados ás persoas invidentes

2 minutes read
  • Persoal da ONCE e da empresa instaladora explicaron o funcionamento do sistema a un grupo de usuarios e usuarias

Desde hoxe para as persoas invidentes será máis sinxelo andar polas rúas de Carballo, pois xa están operativos os dispositivos adaptados para elas en todos os semáforos. Despois dunha breve explicación do sistema e dunha proba práctica na Praza de Galicia, a ONCE e o Concello realizaron esta mañá o reparto de mandos a un primeiro grupo de usuarios e usuarias.

Un técnico da empresa Alumbrados Viarios S.A., que realizou a instalación, explicou o funcionamento dos semáforos, que se activan exclusivamente cos mandos facilitados ás persoas invidentes. O usuario debe pulsar o botón do mando para que o semáforo “detecte” a súa presenza, que se confirmará cun son concreto. Cando o semáforo estea en verde escoitarase o nome da rúa e comezará un pitido característico que lle indicará que xa pode cruzar, e que estará activo mentres o semáforo permaneza en verde. Nos semáforos que funcionan con pulsador, este activarase tamén dende o mando.

Tanto a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, coma o alcalde, Evencio Ferrero, destacaron que a elección do sistema realizouse en coordinación coa ONCE, que hoxe estivo representada por Dolores Venancio. A diferenza dos sistemas utilizados noutras cidades galegas, e que dende a ONCE se están a desbotar pola contaminación acústica que supoñen, o método escollido en Carballo permite controlar as emisións de son para que só se produzan no momento en que sexa operativo o semáforo, que o resto do tempo estará inactivo. “O obxectivo é seguir mellorando a accesibilidade e a seguridade das persoas con discapacidade, neste caso con discapacidade visual, e seguir construíndo un Carballo para todas e todos”, apuntou Milagros Lantes.

Carballo incorporouse hoxe ao reducido grupo de concellos con semáforos acústicos que facilitan a mobilidade das persoas invidentes.