Carballo estrea un ‘trolebús literario’ con dúas rutas

1 minutes read

Este venres 22 de setembro desprégase o Mapa Literario de Carballo, un novo recurso cultural co que se dará a coñecer aos autores e autoras locais, a literatura inspirada no concello e os recunchos dos que parte esa inspiración, ao tempo que se promove unha nova ruta turística e se segue apostando pola mobilidade sostible.

O mapa inclúe dúas liñas, en cada unha das 11 paradas da Liña 1 atoparemos un panel co esquema da ruta, o fragmento ao que fai alusión esa parada, o nome do autor ou autora e un código QR que enlaza coa páxina web do Mapa Literario de Carballo. Nos vindeiros días procederase tamén á sinalización da Liña 2.

O Mapa Literario de Carballo, ademais dun recurso turístico, cultural e mesmo deportivo, tamén é un importante recurso educativo. De feito, desde a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, promotora da iniciativa, xa se remitiu un convite a todos os centros educativos, aos que se lles ofrece a posibilidade de solicitar visitas guiadas para os escolares.