Carballo expediu 72 tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida durante o 2019

Praza de aparcamento reservada para persoas con mobilidade reducida_Concello de Carballo

  • Carballo conta con máis de cen prazas reservadas en vías e aparcamentos públicos

O Concello de Carballo expediu o ano pasado un total de 72 tarxetas de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, un 30% máis que o ano pasado.

Para expedir a tarxeta é preciso que haxa unha resolución previa por parte da Xunta de Galicia onde se indique o grao de discapacidade e o recoñecemento da dificultade de mobilidade para o uso de transporte colectivo. Como este trámite pode demorarse aproximadamente un ano, a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, explicou que o usuario pode pedir unha tarxeta de estacionamento provisional que se concederá de xeito excepcional en casos graves.

Carballo conta con máis de cen prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, a maior parte no casco urbano, pero tamén nas praias. As persoas que necesiten unha praza nunha zona concreta por cuestións de residencia ou traballo poden realizar unha solicitude no Concello.