Carballo, en loita contra as cabichas e excrementos de cans

Concello de Carballo

  • Son o principal problema que se atopa o servizo de limpeza viaria

A limpeza das cabichas e dos excrementos de cans é a principal dificultade á que se enfronta a diario o persoal do servizo de limpeza viaria en Carballo, tanto polos tipos de residuo que son como, sobre todo, pola súa abundancia.

Os traballadores e as traballadoras do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE recollen cada día miles de cabichas das rúas. No ano 2018, a modo de experimento, amorearon as cabichas recollidas nunha semana: 100 quilos, o que equivale a 50.000 cabichas, é dicir, 7.000 ao día. «Co obxectivo de rebaixar esa preocupante cifra, nos últimos catro anos desenvolvemos diferentes iniciativas de sensibilización, tanto en colaboración cos locais de hostalaría coma introducindo os cinceiros nas papeleiras que temos distribuídas por toda a zona urbana», destacan desde o Concello.

Un problema que se suma a outra conduta incívica: os excrementos de cans en beirarrúas, parques e prazas. Dende o servizo de limpeza viaria constatan que a situación mellorou dende a instalación de papeleiras con dispensador de bolsas pero, ao igual cás cabichas, a «única forma de eliminar o problema por completo é a responsabilidade individual de fumadores/as, por un lado, e de propietarios/as de cans, polo outro», sentencian desde o consistorio.

Erradicar as feces dos espazos públicos «non é só unha cuestión de limpeza, senón tamén de saúde pública» ao constituír un risco de enfermidades e infeccións. Por outra banda, o problema das cabichas «non é menor», destacan desde a Alcaldía, ao estar consideradas como o principal residuo a nivel mundial. Ademais de tardar décadas en desaparecer e ensuciar os espazos públicos, poden ser arrastradas pola choiva ata a rede de pluviais ou saneamento entrando en contacto coa auga e «liberando as nocivas e contaminantes sustancias químicas que contén o tabaco».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha