O 112 Emerxencias Galicia deu a voz de alarma á 1 do mediodía deste martes tras recibir a chamada de varios particulares. O accidente consistiu nunha saída de vía dun turismo Seat Ibiza cunha soa persoa no seu interior, unha muller de avanzada idade que resultou ferida. Unha ambulancia do 061 foi mobilizada ao momento, a persoa accidentada estaba accesible e en primeira instancia foi atendida polo persoal médico da ambulancia, tras ser estabilizada foi trasladada ao PAC de Carballo e acto seguido, segundo fontes próximas, a un hospital coruñés. O suceso aconteceu á altura do número 56 da avenida de Bértoa e produciu importantes retencións ao ter lugar en hora punta de saída do polígono.