Preto das sete e media da mañá deste mércores tivo lugar un accidente de tráfico no lugar da Canosa, na parroquia carballesa de Rus. Tratouse dunha colisión frontolateral entre dous turismos, co resultado dunha única persoa ferida, a condutora dun Seat Ibiza que ao parecer se dispoñía a realizar un xiro para saír da vía, sendo alcanzada por outro turismo que lle precedía nese momento adiantando. Preto do lugar estaban os bombeiros do parque de Carballo que acudían a outra incidencia nas proximidades cando foron avisados do sinistro, polo que de forma rápida, en colaboración cos sanitarios desprazados ao punto, facilitaron a saída da persoa ferida pola parte traseira do vehículo, xa que as portas esquerdas estaban bloqueadas debido ao impacto. A persoa ferida foi trasladada en ambulancia do 061 a un centro sanitario. No lugar tamén fixeron acto de presenza Protección Civil e a Policía Local de Carballo, ademais da Garda Civil de Tráfico.