Carballo | Falece un veciño de Bértoa tras ser atropelado na AC-552

1 minutes read

O 112 Emerxencias Galicia activou unha alerta minutos antes das 12 do mediodía deste luns por un accidente de tráfico con resultado de atropelo dunha persoa e cun só vehículo implicado que circulaba dirección a Carballo á altura do quilómetro 26 da AC-552, no lugar de Entrerríos, parroquia de Bértoa. O ferido é un ancián veciño do lugar, que segundo fontes próximas, cruzou a calzada por unha zona non habilitada para iso. Tras permanecer uns trinta minutos tirado no chan á espera dunha ambulancia, o ferido foi estabilizado no lugar e evacuado ao hospital polo 061.

O home, de 91 anos, non se recuperou das graves feridas e terminou falecendo á primeira hora da tarde.

A mañá estaba chuviosa, con baixa visibilidade e o condutor do turismo, que resultou ileso, afirmou que nada puido facer por esquivalo. Ao lugar acudiu a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Carballo, non foi necesario cortar ningún carril de circulación, tanto o ferido e o turismo atopábanse na beiravía.