Carballo | Ferido un mozo de 23 anos nunha brutal saída de vía en Xoane


Cando aínda está en mente de todos o terrible accidente mortal acontecido o pasado luns a pouco máis dun quilómetro de onde se produciu agora este, co resultado coñecido do falecemento dun mozo de 32 anos veciño de Buño. A historia volveuse a repetir, aínda que neste caso por sorte o condutor do vehículo foi evacuado con vida do lugar do accidente.

O suceso produciuse pasadas as 10 da noite deste martes na estrada AC-414 (tramo antigo da vía de Carballo a Buño) ao seu paso polo lugar de Xoane. Neste caso un turismo Peugeot 106 GTI circulaba dirección a Carballo cando, por causas que se investigan, saíuse da vía pola marxe dereita chocando violentamente contra o peche dunha vivenda, á altura do número 167.

Dada a violencia do impacto o vehículo saíu rebotado ao centro da estrada, incendiándose aos poucos segundos e quedando totalmente calcinado. Segundo a versión dalgúns veciños que chegaron ao momento do accidente, o condutor, un veciño de Carballo de 23 anos, viaxaba só e foi evacuado do lugar nunha ambulancia do 061.