- A ficción sonora A lúa, válvula de spray, coproducida polo FIOT e LIDISS, abriu este venres a programación
Esta fin de semana Carballo concentrará o mellor da escena galega e estatal actual grazas ao FIOT en pausa, a nova modalidade do Festival Internacional Outono de Teatro para este 2020.
A ficción sonora A lúa, válvula de spray, coproducida polo FIOT e LIDISS, abriu este venres a programación, que continuará ata o vindeiro 18 de outubro co selo de calidade do FIOT. Espectáculos como Curva España, A lingua das bolboretas, Liberto ou Prostitución son parte dunha proposta cultural que, este outono, referenda o apoio e compromiso da A. C. Telón e Aparte e do Concello de Carballo coa creación galega e coa investigación de novos formatos escénicos a través do uso das tecnoloxías e da cultura dixital.
De cara á esta fin de semana, o Pazo da Cultura centrará gran parte da programación cultural. Hoxe, sábado 10, acollerá a estrea absoluta de Live, unha performance de Emma Santos na que se busca a conexión directa co espectador e coa introdución da cultura dixital na escena.
O Pazo da Cultura tamén será o día 10 (20.30h) o escenario dun dos pratos fortes desta edición. O grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, tamén actuará hoxe con Curva España. La curva en la que se mató España, unha peza que bebe do xénero policial e ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, thriller e autoficción.
Unha vez finalice a función, contra as 22.00 horas, a actriz Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) será a responsable de entregar ao escénografo, figurinista e deseñador de vestiario Carlos Alonso o galardón Xograr de Outono 2020, un recoñecemento outorgado polo FIOT para poñer en valor o oficio teatral.
O festivo estatal do 12 de outubro dará pé á celebración dunha nova representación. Neste caso será unha adaptación de A lingua das bolboretas do xornalista Manolo Rivas, creación recentemente estreada en Ourense por Sarabela Teatro, que este ano celebra o seu 40 aniversario.
Consulta aquí a programación completa.