Carballo, concello da provincia elixido para integrarse na comisión de seguimento do convenio da biomasa da Xunta

A comisión de seguimento do novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e Seaga aprobou este mércores a incorporación de catro concellos, un por provincia, a este órgano, presidido polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco.

Trátase de Carballo, Friol, O Pereiro de Aguiar e A Estrada, é dicir, dun municipio por cada unha das provincias galegas, que a partires de agora formarán parte das deliberacións e da toma de decisións que se adopten dentro da comisión sobre o desenvolvemento e a aplicación práctica do acordo. Todos eles foron seleccionados, dentro das primeiras solicitudes de adhesión recibidas, por ser os de maior superficie incluída en faixa secundaria de cada provincia (as máis próximas aos núcleos de poboación).

Deste xeito, búscase integrar e implicar aínda máis aos entes locais na xestión dun acordo publicado no DOG o pasado 29 de decembro de 2025 e ao que poden seguir sumándose os concellos que así o desexen, amosando simplemente a súa vontade de adhesión. De feito, a día de hoxe son xa 131 os municipios que o fixeron, é dicir, máis dun terzo do total. Neste sentido, Medio Rural lembra a importancia da súa incorporación, tendo en conta o interese do acordo e os servizos que ofrece, tanto para os particulares como para os entes locais.

Sistema público de xestión da biomasa

O convenio ten como principal obxectivo consolidar o sistema público de xestión da biomasa, para apoiar así aos municipios e aos titulares dos terreos a cumprir coas súas obrigas normativas en relación coa limpeza e mantemento das franxas preto das vivendas. O documento presenta importantes novidades en relación cos convenios asinados anteriormente, como o aumento do orzamento destinado a estas tarefas, que se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas, dotado con 10 millóns de euros por anualidade.

Asemade, refórzase o apoio para particulares e concellos, especialmente naqueles de menos de 10.000 habitantes, de maneira que neles a Consellería do Medio Rural pode asumir a competencia para ordenar a execución subsidiaria dos traballos de xestión.

Así mesmo, axilízanse as execucións subsidiarias nas zonas de risco de incendio nas que os propietarios dos predios non cumpran cos seus deberes, tal e como se recolle na Lei de medidas dos orzamentos de 2026. Outra das novidades é o aumento do número de parroquias priorizadas, aquelas nas que os titulares poden contratar os servizos de Seaga a un custe reducido, que pasaron de 157 en 2025 a 276 en 2026. Do mesmo xeito, ao abeiro deste convenio tamén se lle presta apoio ás entidades locais para revisar, modificar e elaborar o plan municipal de prevención; así como colaboración para levar a cabo as inspeccións e notificacións aos propietarios. A maiores, séguese ofrecendo a posibilidade de que Seaga realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.

Related posts

Miles de persoas evacuadas en Andalucía polo temporal

UCIN Galicia exige refuerzos inmediatos de seguridad ante el aumento de delitos en toda la comunidad

O Entroido de Malpica encherá a vila e as parroquias de festa, música e tradición durante máis de dúas semanas