- As rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes estarán pechadas ao tráfico durante os dous días ao converterse en zonas de xogo
Ademais de fomentar unha mobilidade sustentable, a Concellaría de Mobilidade de Carballo busca propiciar o uso lúdico e cívico do espazo público entre a cidadanía. Con ese obxectivo, esta fin de semana celebraranse as primeiras dunha serie de actividades dirixidas a distintos sectores da poboación. Por este motivo pecharanse ao tráfico varias rúas na contorna da Praza do Concello.
Este sábado, a partir das 16.00 horas, e o domingo, de 10.00 a 20.00 horas, estará limitada a circulación de vehículos polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes. Só se permitirá o paso dos usuarios dos garaxes. O peche das rúas vai acompañado dun convite ás familias para que animen aos nenos e nenas a converterse en protagonistas das rúas cos seus patíns, monopatíns, bicicletas, balóns ou buxainas, entre outros.
Por outra banda, o sábado pola tarde, a partir das 18.00 horas, haberá unha actividade para fomentar a conciencia cívica da cidadanía con respecto aos excrementos dos cans. Para isto o Concello contará coa axuda de Dino, un can de globos biodegradables de 2 metros de altura que paseará polas rúas carballesas para amosar a importancia de utilizar correa ou de recoller as feces.
As actividades pecharanse o domingo coa colaboración do Club Ciclista Carballo, que animará aos veciños a encher as rúas Valle-Inclán, Cervantes e Concepción Arenal de patíns, bicicletas e xogos de habilidade para que os pequenos da casa desfruten dunha xornada de deporte, diversión e amizade.