Carballo | Gran acollida da ‘XIII Primavera en Ruta’ de Senda Nova

2 minutes read
  • A primeira andaina, O son do Anllóns, desenvolverase o 24 de abril

O Espazo da Natureza de Oza acolleu esta pasada fin de semana a presentación da XIII Primavera en Ruta, organizada pola asociación ambiental Senda Nova, con sede en Carballo. Trátase dun programa onde os participantes, a través de varias andainas, poden descubrir a historia, cultura e patrimonio da comarca de Bergantiños. Pero non todo é cor de rosa, senón que tamén se pon o foco no descoido ou desperfectos que sofren algunhas paisaxes e elementos arquitectónicos pola actividade do ser humano.

No acto, que contou con decenas de asistentes, tamén estivo presente a rapazada da Escola Ambiental, que foi protagonista dun interesante percorrido guiado polas súas instalacións e actividades ademais de relatar aos asistentes as accións realizadas fóra do Espazo de Natureza.

Desde Senda Nova agradecen o esforzo de todos implicados en cada edición do proxecto, desde o voluntariado da entidade ata Protección Civil e Concello de Carballo, ademais de A Laracha, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Zas.

PROGRAMA DA XIII PRIMAVERA EN RUTA

24 de abril. Ruta 1: O son do Anllóns (Carballo, Sísamo, Goiáns, Verdes, Cereo, Corcoesto). Dificultade media.

1 de maio. Ruta 2: Camiños de Aldemunde (Rodís, Andoio, Aldemunde). Dificultade baixa.

8 de maio. Ruta 3. Coristanco histórico (Seavia, Ferreira, Couso, Cuns). Dificultade media.

15 de maio. Ruta 4: Ruta das mámoas ( Nantón, Rioboo). Dificultade baixa.

22 de maio. Ruta 5: A forza do río Chonia (Monzo, Restande, Benza, Xavestre, Portomeiro). Dificultade media-baixa.

29 de maio. Ruta 6: Costa agreste de Cerqueda e Cambre (Cambre, Cerqueda). Dificultade baixa.

5 de xuño: Ruta 7: Terras Altas de Soneira (Gándara, Carreira, Mira). Dificultade media.

12 de xuño. Ruta 8: Camiños de Caión (Caión, Rebordelos, Noicela). Dificultade baixa.

As inscricións poden realizarse ata dous días antes de cada roteiro na base de Protección Civil de Carballo; nos departamentos de Cultura e Deportes dos concellos de A Laracha e Coristanco e tamén no Espazo da Natureza de Oza.

No relativo aos prezos das andainas: os socios pagarán 6 euros (4 os menores de idade) e os que non, 8 euros (6 os menores de idade).

Máis información na páxina web de Senda Nova ou chamando ao 611 037 617.