- Cun máximo de 10 minutos para estacionar, esta fórmula facilitá as compras rápidas e os labores de carga e descarga comercial
A Concellaría de Mobilidade do Concello de Carballo segue traballando con diferentes fórmulas para dinamizar a actividade comercial. Ao acondicionamento de novos aparcamentos de longa duración en distintos espazos urbanos próximos a zonas comerciais e de servizos súmanse zonas de estacionamento ‘exprés’ nas contornas das farmacias.
Coincidindo co 20º aniversario da zona azul, que foi gañando terreo ao longo de todo este tempo grazas á boa acollida entre o empresariado e clientes, e tras a petición dun establecemento do sector sanitario, a rúa Vitoria dispón de prazas nas que os vehículos poderán permanecer ata un máximo de 10 minutos. Unha fórmula que xa se viña aplicando na rúa Gran Vía, xunto ao Mercado Municipal, ou na Valle-Inclán e coa que o Concello busca facilitar as compras rápidas.
Con esta nova disposición tamén se amplía a zona de carga e descarga, respondendo así a outra demanda do comercio da zona, agrupando os contedores en dúas illas verdes situadas nesa mesma rúa e na veciña Ponte.
Con este sistema, aseguran desde o goberno local, «optimizamos o aproveitamento das zonas amarelas» que terán triplo uso: de 07.00 a 12.00 horas, para carga e descarga de vehículos de mercadorías; de 12.00 a 20.00 horas, parada ‘exprés’ de 10 minutos para todo tipo de vehículos, e de 20.00 a 07.00 horas, para estacionamento libre.